Sunday 28 de April de 2024

O programa intermunicipal “Acompañar no reto de educar” ofrece este mes dúas novas charlas para familias


A iniciativa está dirixida á veciñanza de Neda, Fene e Mugardos

O ciclo de charlas “Acompañar no reto de educar”, que promoven conxuntamente os concellos de Neda, Fene e Mugardos, inclúe durante o mes de marzo dúas novas sesións divulgativas dirixidas ás familias do alumnado dos centros educativos dos tres municipios. A superación dos problemas da infancia e a exposición das crianzas ás pantallas case dende que nacen centran as próximas entregas para as que está aberto o prazo de inscrición.
A primeira das charlas terá lugar este luns, 11 de marzo, a partir das 18 horas, na Casa da Cultura de Fene. Nela explicarase aos participantes “Como tratar os medos, celos e frustracións na infancia”. En definitiva, aportaranse algunhas claves para que os proxenitores poidan axudar aos seus fillos e fillas máis pequenos a xestionar problemas habituais da infancia.
Na segunda das xornadas, prevista para o luns 18, no mesmo sitio e á mesma hora, abordarase o impacto do uso precoz de pantallas no desenvolvemento do cerebro e das capacidades cognitivas. Apuntan algúns estudios que esa exposición temperán provoca efectos claramente negativos sobre as interaccións humanas, o desenvolvemento da linguaxe ou a concentración.
Familias, representantes das Anpas e de entidades sociais interesados en asistir deberán apuntarse a través do formulario online dispoñible na web municipal. Disporase, previa petición, de servizo de conciliación para facilitar a participación.
A veciñanza de Neda que desexe máis información sobre o ciclo de charlas, impulsado co apoio da Consellería de Sanidade, pode dirixirse ao servizo local de educación familiar (teléfono 981390233 ) ou ao Centro de Servizos Sociais de Fene (servizos.sociais@fene.gal), encargado de coordinar o programa socioeducativo intermunicipal.